A CHAIRA 2

A Chaira é un relato visual, unha ollada íntima á Terra Chá, onde a historia familiar do artista se entrelaza coa paisaxe.

Dende 2017, as fotografías da Chaira buscan explorar as raíces rurais e a tradición gandeira que sustentan esta rexión. A través do retrato de obxectos, animais ou arquitectura vernácula, procúrase neste traballo facer abstracción da vida cotiá e lograr así, en certo modo, transcendela.

O proxecto, xa exposto no pasado baixo o subtítulo de Imaxes dunha terra en calma, preséntase nesta ocasión formado por unha serie de novas obras que se afastan da intención orixinal. Procurase agora, polo tanto, mergullar ao espectador nunha atmosfera máis crúa e menos amable, reflexando incluso a fealdade provocada pola man do home na rexión.

A meirande parte das imaxes da serie aluden aquí a vivencias persoais do artista, ao fogar e a granxa dos avós maternos. A pesar diso, a intención da Chaira non é tanto mostrar un caso concreto da provincia de Lugo como expresar visualmente algo máis xeral: unha forma de vida, a agraria, que está en vías de desaparición.

As obras da Chaira convidan á contemplación. Son obras impresas e ensambladas polo propio artista, nun proceso lento e largo, case artesanal. Son obras que tentan estar en sintonía co ritmo rural. Obras que, en definitiva, queren invitar ao espectador á reflexión.